Sendeirismo Celeste 0: Introdución

Ben: Xa temos un telescopio, un sitio escuro onde observar e algunha das cartas celestes que se mencionan no artigo «Atlas estelares en PDF«; surxe agora a dúbida de como combinar todo, de como facer para ser quen de atopar co telescopio obxectos novos, obxectos que, ao contrario do que sucede cando damos os primeiros pasos, podemos ver nas cartas pero que non apreciamos a simple vista: ¿Como apuntar cara eles entón?

A solución está na técnica chamada «star-hopping» ou «sendeirismo celeste». Esta técnica basease en tres puntos:

1- Escoller obxectos para mirar, previamente á saída, tendo en conta a súa posición no momento da observación e se son ou non visibles co noso equipo.

2- Saber usar e interpretar unha carta celeste, posibilitándonos tanto ser quen de debuxar nelas o «camiño» que nos levará ao obxecto desexado (preparación previa á saída), como identificar o que vemos polo telescopio (xa no campo).

3- Ter suficiente habilidade co telescopio coma para seguir as indicacións que temos apuntados nas cartas ata chegar ao obxecto.

Tratarei cada un de estes puntos noutros artigos, centrándome neste nunha introdución xeral ao sendeirismo celeste.

O sendeirismo celeste é unha actividade tradicional no ámbito da nosa afección, pero hoxe en día está sendo desprazada debido á popularidade da fotografía dixital e os sistemas GoTo. Os sistemas GoTo permiten atopar un obxecto automaticamente: a súa filosofía é xusto o contrario que o do sendeirismo celeste, xa que o GoTo permite atopar o obxecto sen esforzo. A fotografía dixital tamén ten en certo sentido unha filosofía antagónica ao sendeirismo celeste, perseguindo imaxes de obxectos concretos sen coñecer o ceo e os arredores do obxecto en cuestión.

Os defensores dos sistemas GoTo poden dicir do sendeirismo celeste que o esforzo para atopar un obxecto é un traballo innecesario podendo atopalo instantaneamente co GoTo. Aquí, os amantes do sendeirismo celeste contestamos que usar o GoTo fai que non coñezas o ceo nin disfrute coa pasión de «atopar ti o camiño»: é como facer sendeirismo polo campo ¿Por que vas ir andando se podes aforrarche o esforzo indo en moto, por exemplo?? Pois porque o camiño tamén se disfruta, no só o obxectivo.

A fotografía dixital é moi popular hoxe entre os astrónomos afeccioados, tanto que cando dis que es afeccionado á astronomía, se non fas astrofotografía tes que especificalo decindo que fas «visual». Os practicantas da «astronomía visual», e do sendeirismo celeste en particular, teñen moitos mais obxectos que procurar. Démonos conta que só un número relativamente pequeno de obxectos son susceptibles de ser fotografados cun telescopio de afeccionado: teñen que ser brillantes e ter un tamaño suficiente. Nembargantes, co sendeirismo celeste o número de obxectos cos que podemos traballar é moito mais grande, inda que a través do telescopio so sexan unha manchiña difusa e mal definida; o senderista celeste non está constreñido a obxectos «fáciles».

Para practicar o sendeirismo celeste non fai falla un equipo complexo: nada dos cables e aparataxe electrónico que teñen os que fan fotografía. Na miña opinión, é mais fácil comezar cunha montura ecuatorial, inda que non ter que ser moi precisa como as usadas en astrofotografía. Unha vez collamos práctica podemos cambiar a un dobson dun diámetro maior, co que podamos atopar mais obxectos. Iso si: unha característica desexable en calquera telescopio co que se vaia a facer sendeirismo celeste é un buscador grande; falaremos mais disto noutros artigos.

Outros factores importantes son observar dende un sitio escuro e conservar ao longo da observación a adaptación á escuridade. O uso dunha pantalla de ordenador, dunha cámara ou similar imposibilitan unha boa adaptación a escuridade e atopar os obxectos mais difíciles. De feito, se saídes a observar con astrofotógrafos, non esperedes atopar mais que obxectos sinxelos. Incluso a típica luz vermella na testa que soen levar os astrofotógrafos deslumbran aos senderistas celestes por ser intensas de mais. Recordade que a luz vermella deslumbra menos que a branca á mesma intensidade, pero tamén deslumbra.

A necesidade de minimizar o deslumbramento, pero permitindo nembargantes ter luz para leer as cartas, fai da linterna un accesorio importante do senderista celeste: ten que ser vermella e dar a mínima intensidade que nos permita ler as cartas cando esteamos adaptados a escuridade. No mercado hai luces vermellas para uso astronómico, pero pode modificarse unha normal cambiando o LED branco por uno vermello e soldando en serie unha resistencia. Se a resistencia é variable, poderemos cambiar a intensidade da luz en función do nivel de luz do sitio de observación, o noso grao de adaptación á escuridade…. e de se hai astrofotógrafos cerca. Persoalmente, creo que a mellor combinación é poñer unha resistencia de 120 omhnios en serie cun potenciómetro de 470 omhnios mais ou menos, e usar un LED vermello de alta intensidade (dado que son mais direccionais, non pola intensidade en si)…

No seguinte artigo falaremos de como elexir obxectos para observar, que ven sendo o primeiro paso para a importante necesidade de preparar as observacións, pero rematarei este recomendando un libro para aprender sendeirismo celeste: «Star-Hopping for Backyard Astronomers», de Alan M. MacRobert.

Bos ceos.

Publicado en Instrumentos e técnicas | Etiquetado , , | Deixa un comentario

Atlas estelares en PDF

Na época de Internet e a electrónica dixital é frecuente atopar monturas computerizadas que fan por nós o traballo de apuntado. Tamén se poden levar ó campo ordenadores portátiles ou tabletas onde consultar a información sobre a posición dos obxetos celestes. Pero cando non se pode ou non se queren usar estes medios non queda máis remedio que acudir ós método tradicionáis que, por outra parte, tamén nos permiten disfrutar máis do ceo.

Carta UMa

Carta celeste da Osa Maior

Moitos afeccionados á Astronomía que disfrutan da observación visual empregan a técnica que os anglosaxóns chaman «star-hopping» para localizar os obxetos. Consiste en apuntar o telescopio a unha estrela brillante preto do noso obxetivo e ir movendo o campo de visión encadeando patróns de estrelas menos brillantes ata chegar ó destino. Persoalmente gústame moito a expresión «sendeirismo celeste» ou «sendeirismo extelar» para expresar o que significa esta técnica.

Ademáis, con frecuencia atopamos persoas que, logo de mercar un telescopio pequeno ou uns prismáticos, non son quen de atopar no ceo máis obxetos que a Lúa, os planetas e as estrelas máis brillantes. As preguntas típicas nestes casos son: ¿como podo aprender a coñecer o ceo? ¿que outros obxetos podo ver? ¿como hai que facer para chegar a eles?

En ambos casos, a solución é a mesma: hai que facerse cun atlas ou cartas celestes nas que identificar os patróns de estrelas que se usan como referencia e a rexión do ceo na se atopa o obxeto que se quere observar. Na rede hai atlas estelares de calidade que se poden descargar de balde polo que indicamos aquí algúns dos que atopamos e que pensamos que pagan a pena. Case todos están en formato PDF de Adobe, polo que se poden descargar en calqueira dispositivo e logo imprimilos. A disfrutalos.

Para observación visual e para aprender a coñecer as constelacións

  • Cartas celestes para iniciarse na orientación polas constelacións en función dos meses do ano. Dado o sinxelas que son poden ser útiles para os que aínda non as coñezan e para nenos.
  • Cartas celestes gratuitas do observatorio SFA. Son 4 cartas que cubren todo o ceo ata magnitude 5 (observación visual) e que son moi útiles para aprender as constelacións e a coñecer o ceo.
  • Para facer o voso propio planisferio en función da latitude. Lémbrovos que en Galicia estamos a 40º de latitude N.

Para observar con prismáticos ou con pequenos telescopios (ata 114 mm)

  • Atlas celeste ata magnitude 6,5 de Toshimi Taki. Son de calidade comparable ó famoso Norton’s Star Atlas, sobre todo se as podemos imprimir en A3.
  • Atlas celeste con estrelas ata magnitude 8,5, tamén de Toshimi Taki. Non envidian nada en calidade ó famoso Uranometria 2000.0 de Wil Tirion aínda que cheguen unha magnitude menos profunda.
  • Cartas dos obxetos do catálogo de Messier da Royal Astronomical Society of Canada (RASC). É moi útil se se quere coller práctica na observación empezando por observar os obxetos celestes máis famosos, aínda que para localizar algún obxeto, sobre todo galaxias, fan falta cartas un pouco máis detalladas.
  • Cartas da RASC cos mellores e máis espectaculares obxetos do New General Catalogue (NGC). Dado que o NGC contén moitos obxetos que non teñen nada que envidiar ós de Messier, na RASC fixeron un listado cos que eles consideran os 110 mellores.
  • The Mag-7 Star Atlas Project: son cartas ata magnitude 7 de Cloudynights (versións en cor e branco e negro). Este é outro «must» para todos porque é bastante completo e ten moi boa calidade, sobre todo a versión en cores.
  • Anders Holst’s Star Atlas: atlas de todo o ceo en 26 cartas ata manitude 8. Debido á escala tan pequena os símbolos dalgúns obxetos superpóñense en zonas moi poboadas.
  • Le petit guide des constellations, o ceo en 20 cartas celestes ata magnitude 6,5, con listas de obxetos para observar ordenados por constelacións (pinchar na primeira ligazón da páxina). Boa calidade aínda que os etiquetados se superpoñen nos obxetos próximos.

Para observadores con experiencia e telescopios de medio e gran diámetro

  • The TRIATLAS Project Second Edition, un proxecto de JR Torres e Casey Skelton que consiste en tres atlas de todo o ceo con magnitudes límite de 9, 11 e 13 e que constan, respectivamente, de 25, 107 e 571 cartas de tamaño A4. Este último, que chega a magnitude 13, é un tocho que non ten moito que envidiar do «Millennium Star Atlas» pero xa é para observadores con experiencia.
  • Os 5800 minimaps, unha lista con 5800 mapas de 1º de ceo para a identificación de 5800 obxetos de ceo profundo. Realmente non é un atlas, xa son que son cartas do campo estelar que rodea a eses obxetos. Son útiles para observar con telescopio pero están algo pixelados se as aumentamos un pouco.

Específicos

  • Para os que se pirran por observar binarias o atlas de estrelas dobles, tamén de Toshimi Taki.
  • Para os observadores de estrelas variables temos as cartas da AAVSO (American Association of Variable Stars Observers) para a maioría das constelacións. Estas cartas só valen para estrelas variables brillantes e, no caso de variables débiles, hai que ir ás cartas de comparación de cada estrela concreta
Publicado en Instrumentos e técnicas | Deixa un comentario

Posible nova en Saxitario.

A AAVSO (American Association of Variable Star Observers) informa da aparición dunha posible nova na constelación de Saxitario. As coordenadas son:

17:45:28.03 -23:05:22.8 +/-1″   (2000.0)

A estrela foi descuberta por Stanislav Korotkiy e Kirill Sokolovsky, os dous rusos, en imaxes sen filtrar tomadas o 21 de abril. Nelas aparece un obxeto de magnitude 9,6+/-0,3 que máis tarde foi confirmado por outros observadores. John Seach (Australia) confirma a presencia dunha estrela de magnitude 8,8 na posición indicada nunha imaxe DLSR (cámara réflex dixital) tomada o 21.654 de abril de 2012.

Máis información en Sky & Telescope e AAVSO.

Publicado en O ceo | Deixa un comentario

Fenómenos destacados no mes de abril

O número ó comezo de cada liña indica o día no que se produce cada fenómeno. Só se indican os fenómenos máis relevantes utilizando como posición de referencia a cidade de Santiago de Compostela.

3. Venus 0º4 ó SSE de Alcione (nas Pléiades).
6. Lúa chea (19:19 TU).
13. Cuarto minguante (10:50 TU).
15. Saturno en oposición (18h TU).
16. Marte 4º3 ó E de Régulus (alfa Leo) (05h TU).
17. Ocultación dunha estrela de magnitude 11,4 por Quaoar (02:09 TU).
18. Máxima elongación W de Mercurio (27º).
21. Lúa nova (07:18 TU).
22. Máximo das Líridas (05:30 TU, THZ entre 10 e 20 meteoros por hora).
29. Cuarto crecente (09:57 TU).

Publicado en O ceo | Deixa un comentario

Visibilidade dos planetas durante o mes de abril

Mercurio: é visible de mañanciña a mediados de mes sobre o horizonte E xa que ten a súa máxima elongación W o día 18. O diámetro do seu disco aparente é de 7″9 e a súa magnitude de +0,4.

Venus: continúa a ser a referencia celeste durante a tardiña debido ó seu brillo (magnitude -4,4). É inconfundible cando se mira en dirección SW logo do solpor. Amosa unha preciosa forma de cuarto crecente cando se observa polo telescopio e o seu diámetro aparente é de 25″7. As noites do 3 e 4 de abril estará moi preto do cúmulo das Pléiades.

Marte: é visible durante case toda a noite no centro da constelación de Leo. É unha boa época para observalo debido a que xa está alto a primeira hora da noite, aínda que lentamente se vai separando da Terra e disminuíndo o seu tamaño. A súa magnitude é de -0,1 e o seu diámetro de 10″3.

Xúpiter: a primeiros de mes aínda é visible por debaixo de Venus logo do solpor pero desaparecerá pouco a pouco entre o brillo do Sol. Brilla con magnitude -2,0 e o seu tamaño é de  33″9.

Saturno: estará situado todo o mes no centro da constelación de Virgo, a 5º ó NE de Espica (alfa Vir). É visible durante toda a noite debido a que está en conxunción a mediados de mes. Aínda que a principios da noite está demasiado baixo, agardando unha ou dúas horas xa se pode observar sobre o horizonte SE. A súa magnitude é de +0,3 e o tamaño do seu disco é de 19″0.

Urano: O día 15 deste mes atópase na posición AR=00h 21m4, Dec=+01º 34′, no S da constelación de Piscis. O seu diámetro angular é de 3″4, e a súa magnitude de +5,9. Non é observable por atoparse demasiado preto do Sol no ceo.

Neptuno: A súa posición para o día 15 será AR=22h 17m9, Dec=-11º 11′, a 3º9 ó NE da estrela iota Aqr. Terá magnitude +7,9 e un tamaño angular de 2″2. Debido á súa altura é difícilmente observable durante as horas antes do mencer xa que ten o seu orto preto das 04:00 TU, só dúas horas antes que o Sol.

Plutón: O planeta enano estará situado o día 15 nas coordenadas AR=18h 39m6, Dec=-19º 12′, a 1º9 ó E do cúmulo aberto M25, na constelación de Saxitario. Brilla con magnitude +14,2 e o seu tamaño angular é de 0″1. É observable durante a segunda metade da noite.

Publicado en O ceo | Deixa un comentario

Novo telescopio do Clube

No Clube estamos de estreno cun novo telescopio, un Celestron SGT , que é un flamante Schmidt-Cassegrain de 8″ (20 cm), con sistema GOTO para apuntar automáticamente ó ceo. Moi pronto faremos probas a ceo aberto para darlle a primeira luz.

 

Publicado en Clube | Deixa un comentario

Novo sitio web do ClubeVega

Estamos a probar o novo sitio web do ClubeVega! Aínda ten poucas cousas, pero está a medrar e admítense comentarios. Lembra que tamén nos podes seguir no Facebook.

Publicado en Clube | Deixa un comentario