• Encontro ASTRONOMIA NOVA

    Moitos de vos lembraredes o noso congreso CMON, que durante varios anos conseguiu xuntar a un bo número de astrónomos e astrónomas afeccionados compartindo coñecemento, experiencias e bo ambiente.

     

    A derradeira edición do CMON foi en 2019, chegou despois a pandemia do Covid-19, que, coma un cometa que se achegara demasiado a Terra, barreu tantas cousas e trouxo unha cola moi longa. Pero por fin se perdeu de vista e neste 2024 surxe o sucesor do CMON, o ENCONTRO GALEGO ASTRONOMÍA NOVA (EGAN) .

     

    Con esta novo encontro, o Clube VEGA quere dar continuación ao vello CMON e reunir, como di o noso lema, a profesionais e afeccionados divulgando astronomía: charlas, exposicións, opinións, experiencias, e por suposto bo rollo, moi bo.

     

    Para presentar o noso primeiro encontro ASTRONOMÏA NOVA, eleximos un lugar moi próximo a Santiago, ben comunicado e tranquilo. O Pazo da Peregrina en Bertamiráns.

     

    Apúntate antes do 8 de abril.

    TODA A INFORMACIÓN na web específica do EGAN.

    ¡¡AGARDÁMOSVOS O 20 DE ABRIL en Bertamiráns!!

     

  • EXPOSICIÓN: 25 ANOS MIRANDO AO CEO

    O 19 de decembro de 1997 o clube Vega comenza a súa andadura. Para celebrar os nosos 25 anos queremos compartir con vos a nosa afeción a través dunha mostra de astrofotografías, saídas todas elas dos telescopios, obxectivos e cámaras dos nosos socios.

    PODES VISITALA
    DO 21 DE NOVEMBRO AO 10 DE DECEMBRO

    NO MUSEO DO TRAXE DE ORDES

  • 25 ANOS MIRANDO AO CEO

    O 19 de decembro de 1997 o clube Vega comenza a súa andadura.

    Para celebrar os nosos 25 anos queremos compartir con vos a nosa afeción a través dunha mostra de astrofotografías, saídas todas elas dos telescopios, obxectivos e cámaras dos nosos socios.

    PODES VISITALA

    DO 2 AO 16 DE OUTUBRO

    NA CASA DA CULTURA DO MILLADOIRO

    E DO 16 AO 31 DE OUTUBRO EN BERTAMIRÁNS

     

     

     

     

     

  • VOLVEN AS REUNIÓNS PRESENCIAIS!

    Por fin, tendo a pandemia controlada e sen restricións para poder xuntarnos en espazos pechados, van sendo horas de volver as nosas reunións mensuais presenciais.

    Socios e simpatizantes estades convidados a vindeira reunión do clube o

    SÁBADO DÍA 3 DE DECEMBRO as 18.00h

    NO CSC DE FONTIÑAS (Santiago)

    Vémonos alí!!

  • Actividade astronómica en Fecha

    O pasado dia 18 tivemos o placer de compartir unha actividade astronómica con socios da asociación A pedra que fala, de San Xoan de Fecha.

    Primeiro tivemos unha breve charla divulgativa, na que falamos de conceptos básicos para comprender que é o que se observa no ceo nocturno ao longo do ano e que son os diferentes obxectos astronómicos. Despois fomos ao punto de observación elexido, no monte da parroquia de San Xoan de Fecha, e gozamos dunha sesión de observación: Venus en fase minguante, Saturno e o seu anel, Xúpiter, cas súas bandas nubosas e os satélites Galileanos… e tamén algunha estrela dobre, cúmulos estelares e pouco máis, pois tivemos Lúa chea e a súa luz dificultaba a observación de obxectos de ceo profundo.

    Moito frío, chiculate e boa compañía. Haberá que repetir!!

    Con esta actividade damos por concluido este ano 2021 esperando que o ano novo sexa algo máis normal a nivel cotidiano e polo menos tan bo como este en asuntos astronómicos e astronáuticos.

  • Charla divulgativa sobre ocultacións

    Nestes días de chegadas varias ao planeta vermello, os do Clube Vega permanecemos na Terra, ainda que sempre mirando cara arriba.

    Despois de bastante tempo de inactividade por estas sucesivas ondas da pandemia ímos adaptándonos e voltamos ás nosas reunións, eso si, on line.

    O noso compañeiro Ramón ofreceranos unha interesante charla este sábado…vémonos na pantalliña!!

  • Un fermoso espectáculo para rematar un annus horribilis

    As estrelas que vemos no ceo permanecen inmóbiles entre si. Por suposto que todas parecen moverse ó xirar a Terra, pero as súas posición relativas permanecen fixas, polo que forman patróns que podemos recoñecer e que chamamos constelacións. Sen embargo, xa os gregos viron que algunhas poucas “estrelas” movíanse “errantes” sobre o fondo de estrelas fixas. A estes corpos os gregos os chamaron “planetas” que significan precisamente “errantes”.

    Hoxe en día sabemos que estes planetas son corpos que xiran ó redor do Sol e que, aínda que non emiten luz propia como as estrelas, son suficientemente grandes como para poder percibir dende a Terra a luz que reflicten do Sol (Tamén hai obxectos máis pequenos que non se ven a simple vista como os asteroides ou os planetas ananos).

    Unha característica do movemento dos planetas é que se moven aproximadamente nun mesmo plano, chamado plano da eclíptica, polo que visto dende a Terra estarán colocados sempre cerca da lina imaxinaria na que este plano corta a bóveda celeste. É doado, por tanto, que dous planetas se acheguen e se poidan ver moi xuntiños no ceo producíndose o que os astrónomos chamamos unha conxunción,

    O vindeiro día 21 de decembro producirase unha conxunción importante entre Xúpiter e Saturno. O que a fai especial é que os dous son planetas moi brillantes e que a distancia aparente estre eles chegará a ser especialmente pequena. Non ocurría unha conxunción con estas características desde o século XVII, en tempos de Galileo.

    Ainda que o máximo achegamento será o 21, o espectáculo tamén está servido para os días anteriores.

    A dificultade para observar esta conxunción é que só será visible ó solpor moi preto do horizonte, o que fai perder brillo os obxectos implicados, tanto pola maior cantidade de aire que a súa luz ten que atravesar como polo feito de que aínda non será noite pechada. Isto reduce a xanela de observación a, aproximadamente, entre as 18:30 e as 20:00 (hora oficial da península); Aínda menos se no horizonte hai obstáculos.

    Despóis do máximo acercamento do día 21, Xúpiter e Saturno comenzarán a separarse de novo, pero nos días seguintes estarán tan preto do Sol (dende a perspectiva da Terra) que xa será moi difícil observalos. Para cando pasen “ó outro lado” do Sol e sexan visible ó amencer, xa estarán moito mais separados.

    Se queredes observar o fenómeno, mirade cara o suroeste xusto despois da posta do Sol. Veredes entón dous estrelas moi brillantes que son Xúpiter e Saturno (o mais brillante será Xúpiter). Non fai falta telescopio nin intrumento ningún pero, si tedes uns simples prismáticos, fica os codos nalgún punto de apoio e apunta cara os planetas, pagará a pena, e incluso poderíades ver uns puntiños pequeniños preto de Xúpiter que son os seus satélites principais, chamados “galileanos” precisamente por Galileo Galilei que os descubriu cun rudimentario telescopio.

    Como suxestión ós que vivades en Compostela, e se non coñecedes un sitio mellor, podédevos colocar ao solpor na parte superior das escaleiras da alameda que dan ao Campus Sur. Pouco despóis da posta do Sol, mirade un pouco arriba e a esquerda do lugar por onde aínda se aprecie o fulxir do Sol recén posto. Non vos custará localizar, se as nubes volo permiten, dúas estrelas brillantes moi xuntas: eses son Xúpiter (o mais brillante) é Saturno. ¡Non ten perda!, ainda que a sobreiluminación causada por algúns focos que hai nese lugar diminúe a espectacularidade do fenómeno, polo que o ideal, se podedes, é miralo dende fora da cidade, nalgún monte con vistas cara ó suroeste.

    Crucémolos dedos para que as nubes den unha tregua e poidamos disfrutar deste fenómeno astronómico pois non se repetirá, en tan boas condicións, ata o ano 2080!!

    Referencias:

    (Imaxe 1) Federación de Asociaciones Astronómicas de España (FAAE): https://federacionastronomica.es/index.php/actividades-y-eventos/conjuncion-jupiter-saturno

    (Imaxe 2) Astronomy Picture of the Day (15/12/2020): https://apod.nasa.gov/apod/ap201215.html

    Escrito por: Rubén Díez e Carmen Castro.

  • Unha nebulosa para o noso amigo

    Unha anana branca é unha estrela que xa non produce enerxía, que xa pasou por todas as fases da súa vida, que deu luz e calor durante millóns de anos pero que pouco a pouco vai perdendo a enerxía que lle queda para finalmente apagarse por completo.

    Así é como hoxe nos deixou o noso compañeiro Jesús, como unha anana branca consciente do seu destino. Pero Jesús era unha persoa sinxela e discreta e quería que a tristura se transformara en celebración por telo coñecido. Moitas ananas brancas expulsan parte da súa envoltura gaseosa e deixan atrás fermosas nebulosas, con formas e cores que nos indican como, ainda que todo chega ao seu final, sempre perdura o recordo e a beleza do que foi.

    Jesús deixa entre nos a súa nebulosa, sutil, discreta, pero chea de cor. Nas nosas reunións lembraremos non só o que se foi, senon, e sobre todo, o que nos deixou, as súas preguntas, a súas propostas, a súa risa…en agradecemento a todo elo, hoxe poñemos aqui para ti, Jesús, o noso logo iluminado cas fermosas cores da nebulosa anular da Lira. ¡Que teñas boa viaxe, amigo!

     

  • ASTRONOMÍA URBANA

    O dia 28 pola noite, o clube Vega recibiu ao público que se apuntou a estas xornadas organizadas polo concello de Santiago, no marco do programa Vive o Verán. Ao ter que cumprir co protocolo pola COVID-19 o aforo tivo que estar limitado, pero o público acudiu con entusiasmo e coa paciencia necesaria para esperar o turno e cumprir ca normativa: máscaras, distancia, desinfección…

    Ainda que cara o final da actividade as nubes fixeron acto de presencia, desde a azotea do CSC A Trisca poidemos ver a Lúa, Xúpiter, Saturno e outros astros, ainda que xa non o cometa  Neowise, que esta a perder brillo día a día alonxándose xa da Terra. Ao noso público sóubolle a pouco, asi que cando, coa colaboración de todos, deixemos atrás estes tempos do coronavirus, teremos que organizar unha observación para repetir. Estade pendentes desta web!

    Ademáis, o clube Vega sorteou entre os asistentes varios calendarios astronómicos de Ceos Galegos, con magníficas fotografías astronómicas, varias delas coa autoría de socios de Vega. Noraboa aos afortunados: Guillermo, Matías, Yovana e Adriano, esperamos que repitades na próxima observación!!

  • Ocultación de Venus pola Lúa

    Durante a mañán do venres 19 de xuño produciráse unha ocultación do planeta Venus pola Lúa. Esta ocultación será visible dende o N de Canadá, Groenlandia, NW de Europa, e N de Rusia. Tamén será visible dende toda a península ibérica e Canarias, aínda que xa preto do límite S.

    Click foto para info

    Dende Galicia, a inmersión do planeta produciráse ás 07:20 TU (09:20 hora local española). Esta inmersión será polo lado iluminado da Lúa e o planeta Venus estará nese momento a unha altura de 38º sobre o horizonte SE. A reaparición do planeta produciráse ás 08:14 TU (10:14 hora local) polo lado non iluminado da lúa cando xa esté a unha altura de 47º sobre o horizonte. Dado que no momento da ocultación Venus ten un tamaño angular de 51″4, a desaparación e a reaparición non son instantáneas, durando uns 2,5 minutos cada unha.

    No momento da ocultación a Lúa estará iluminada un 4% en minguante, mentres que Venus terá unha magnitude de -4.18.

    Todas as fases da ocultación produciránse a pleno día. No instante de inmersión o Sol estará a unha altura duns 23º, con Venus e a Lúa a unha distancia de 22,5º. Esto implica que se deben adoptar todas as medidas de seguridade para evitar apuntar calquera obxetivo ou telescopio ó Sol accidentalmente. Por seguridade recomendamos instalar algún panel ou obstáculo opaco entre o instrumento e o Sol, facendo sombra, e protexendo ó instrumento en caso de apuntado accidental.

    Para observar esta ocultación hai que usar medios para mitigar o intenso fondo luminoso e aumentar o contraste entre o sistema Venus-Lúa e o fondo de ceo. Son preferibles telescopios de pouco diámetro pero de relación focal o máis longa posible, incluso utilizando lentes de Barlow. Se se utiliza un telescopio de gran diámetro quizáis conveña usar un diafragma para reducir a apertura.

    Pódense usar filtros para axudar a mitigar o exceso de luz incidente, ainda que esto deberá valorarse previamente se se quere obter imaxes ou videos en cor. As cámaras dixitáis son axeitadas para obter tomas independentes ou gravar pequenos videos dos instantes da inmersión ou emersión.
    Tamén se poden usar webcams adaptadas á observación astronómica do estilo da Phillips ToUCam ou SPC9000, acopladas no foco do telescopio. O que usualmente é unha desventaxa nestas webcams, a súa baixa sensibilidade, neste caso convírtese nunha ventaxa para observar con fondo moi brillante. Ademáis, o tempo de exposición pódese controlar dende o programa de control.

    Máis información:
    http://www.lunar-occultations.com/iota/planets/0619venus.htm
    https://eco.mtk.nao.ac.jp/cgi-bin/koyomi/occulx_p_en.cgi

Uso de cookies

Esta web utiliza cookies para a súa comodidadeo. Más info

acepto
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial