-
Un fermoso espectáculo para rematar un annus horribilis
As estrelas que vemos no ceo permanecen inmóbiles entre si. Por suposto que todas parecen moverse ó xirar a Terra, pero as súas posición relativas permanecen fixas, polo que forman patróns que podemos recoñecer e que chamamos constelacións. Sen embargo, xa os gregos viron que algunhas poucas “estrelas” movíanse “errantes” sobre o fondo de estrelas fixas. A estes corpos os gregos os chamaron “planetas” que significan precisamente “errantes”.
Hoxe en día sabemos que estes planetas son corpos que xiran ó redor do Sol e que, aínda que non emiten luz propia como as estrelas, son suficientemente grandes como para poder percibir dende a Terra a luz que reflicten do Sol (Tamén hai obxectos máis pequenos que non se ven a simple vista como os asteroides ou os planetas ananos).
Unha característica do movemento dos planetas é que se moven aproximadamente nun mesmo plano, chamado plano da eclíptica, polo que visto dende a Terra estarán colocados sempre cerca da lina imaxinaria na que este plano corta a bóveda celeste. É doado, por tanto, que dous planetas se acheguen e se poidan ver moi xuntiños no ceo producíndose o que os astrónomos chamamos unha conxunción,
O vindeiro día 21 de decembro producirase unha conxunción importante entre Xúpiter e Saturno. O que a fai especial é que os dous son planetas moi brillantes e que a distancia aparente estre eles chegará a ser especialmente pequena. Non ocurría unha conxunción con estas características desde o século XVII, en tempos de Galileo.
Ainda que o máximo achegamento será o 21, o espectáculo tamén está servido para os días anteriores.
A dificultade para observar esta conxunción é que só será visible ó solpor moi preto do horizonte, o que fai perder brillo os obxectos implicados, tanto pola maior cantidade de aire que a súa luz ten que atravesar como polo feito de que aínda non será noite pechada. Isto reduce a xanela de observación a, aproximadamente, entre as 18:30 e as 20:00 (hora oficial da península); Aínda menos se no horizonte hai obstáculos.
Despóis do máximo acercamento do día 21, Xúpiter e Saturno comenzarán a separarse de novo, pero nos días seguintes estarán tan preto do Sol (dende a perspectiva da Terra) que xa será moi difícil observalos. Para cando pasen “ó outro lado” do Sol e sexan visible ó amencer, xa estarán moito mais separados.
Se queredes observar o fenómeno, mirade cara o suroeste xusto despois da posta do Sol. Veredes entón dous estrelas moi brillantes que son Xúpiter e Saturno (o mais brillante será Xúpiter). Non fai falta telescopio nin intrumento ningún pero, si tedes uns simples prismáticos, fica os codos nalgún punto de apoio e apunta cara os planetas, pagará a pena, e incluso poderíades ver uns puntiños pequeniños preto de Xúpiter que son os seus satélites principais, chamados “galileanos” precisamente por Galileo Galilei que os descubriu cun rudimentario telescopio.
Como suxestión ós que vivades en Compostela, e se non coñecedes un sitio mellor, podédevos colocar ao solpor na parte superior das escaleiras da alameda que dan ao Campus Sur. Pouco despóis da posta do Sol, mirade un pouco arriba e a esquerda do lugar por onde aínda se aprecie o fulxir do Sol recén posto. Non vos custará localizar, se as nubes volo permiten, dúas estrelas brillantes moi xuntas: eses son Xúpiter (o mais brillante) é Saturno. ¡Non ten perda!, ainda que a sobreiluminación causada por algúns focos que hai nese lugar diminúe a espectacularidade do fenómeno, polo que o ideal, se podedes, é miralo dende fora da cidade, nalgún monte con vistas cara ó suroeste.
Crucémolos dedos para que as nubes den unha tregua e poidamos disfrutar deste fenómeno astronómico pois non se repetirá, en tan boas condicións, ata o ano 2080!!
Referencias:
(Imaxe 1) Federación de Asociaciones Astronómicas de España (FAAE): https://federacionastronomica.es/index.php/actividades-y-eventos/conjuncion-jupiter-saturno
(Imaxe 2) Astronomy Picture of the Day (15/12/2020): https://apod.nasa.gov/apod/ap201215.html
Escrito por: Rubén Díez e Carmen Castro.