-
Actividade astronómica en Fecha
O pasado dia 18 tivemos o placer de compartir unha actividade astronómica con socios da asociación A pedra que fala, de San Xoan de Fecha.
Primeiro tivemos unha breve charla divulgativa, na que falamos de conceptos básicos para comprender que é o que se observa no ceo nocturno ao longo do ano e que son os diferentes obxectos astronómicos. Despois fomos ao punto de observación elexido, no monte da parroquia de San Xoan de Fecha, e gozamos dunha sesión de observación: Venus en fase minguante, Saturno e o seu anel, Xúpiter, cas súas bandas nubosas
e os satélites Galileanos… e tamén algunha estrela dobre, cúmulos estelares e pouco máis, pois tivemos Lúa chea e a súa luz dificultaba a observación de obxectos de ceo profundo.
Moito frío, chiculate e boa compañía. Haberá que repetir!!
Con esta actividade damos por concluido este ano 2021 esperando que o ano novo sexa algo máis normal a nivel cotidiano e polo menos tan bo como este en asuntos astronómicos e astronáuticos.
-
Charla divulgativa sobre ocultacións
Nestes días de chegadas varias ao planeta vermello, os do Clube Vega permanecemos na Terra, ainda que sempre mirando cara arriba.
Despois de bastante tempo de inactividade por estas sucesivas ondas da pandemia ímos adaptándonos e voltamos ás nosas reunións, eso si, on line.
O noso compañeiro Ramón ofreceranos unha interesante charla este sábado…vémonos na pantalliña!!
-
Unha nebulosa para o noso amigo
Unha anana branca é unha estrela que xa non produce enerxía, que xa pasou por todas as fases da súa vida, que deu luz e calor durante millóns de anos pero que pouco a pouco vai perdendo a enerxía que lle queda para finalmente apagarse por completo.
Así é como hoxe nos deixou o noso compañeiro Jesús, como unha anana branca consciente do seu destino. Pero Jesús era unha persoa sinxela e discreta e quería que a tristura se transformara en celebración por telo coñecido. Moitas ananas brancas expulsan parte da súa envoltura gaseosa e deixan atrás fermosas nebulosas, con formas e cores que nos indican como, ainda que todo chega ao seu final, sempre perdura o recordo e a beleza do que foi.
Jesús deixa entre nos a súa nebulosa, sutil, discreta, pero chea de cor. Nas nosas reunións lembraremos non só o que se foi, senon, e sobre todo, o que nos deixou, as súas preguntas, a súas propostas, a súa risa…en agradecemento a todo elo, hoxe poñemos aqui para ti, Jesús, o noso logo iluminado cas fermosas cores da nebulosa anular da Lira. ¡Que teñas boa viaxe, amigo!
-
ASTRONOMÍA URBANA
O dia 28 pola noite, o clube Vega recibiu ao público que se apuntou a estas xornadas organizadas polo concello de Santiago, no marco do programa Vive o Verán. Ao ter que cumprir co protocolo pola COVID-19 o aforo tivo que estar limitado, pero o público acudiu con entusiasmo e coa paciencia necesaria para esperar o turno e cumprir ca normativa: máscaras, distancia, desinfección…
Ainda que cara o final da actividade as nubes fixeron acto de presencia, desde a azotea do CSC A Trisca poidemos ver a Lúa, Xúpiter, Saturno e outros astros, ainda que xa non o cometa Neowise, que esta a perder brillo día a día alonxándose xa da Terra. Ao noso público sóubolle a pouco, asi que cando, coa colaboración de todos, deixemos atrás estes tempos do coronavirus, teremos que organizar unha observación para repetir. Estade pendentes desta web!
Ademáis, o clube Vega sorteou entre os asistentes varios calendarios astronómicos de Ceos Galegos, con magníficas fotografías astronómicas, varias delas coa autoría de socios de Vega. Noraboa aos afortunados: Guillermo, Matías, Yovana e Adriano, esperamos que repitades na próxima observación!!
-
trisca
-
UNHA ESTRELA MÁIS NO NOSO LOGO
Bruno chegou a nós no último congreso CMON, ahí estaba entre o público, coa mente chea de preguntas que buscaban resposta. Enseguida se integrou no clube e foi un de nós porque, desde o primeiro momento que falou, o sentimos como si estivera ahi desde sempre, participando nos nosos debates a través das redes, poñendo un pouco de sentido común nas discusións, moitas veces absurdas, e aportando bo humor coa súa chispa nestes tempos sombríos de cuarentena.
Mais Bruno foi unha estrela fugaz: chegou, brillou con forza e, esta mañá, deixounos para non voltar. Non o levou un meteorito, deses NEO que pasan preto, cos que lle gustaba bromear, senon un infarto. Bruno deixa nos nosos corazóns un oco enorme que hoxe non é oco, senón un burato negro.
Desde estas liñas queremos mandar unha aperta moi forte a súa familia, o noso infinitamente sentido pésame e os poucos ánimos que nos poden quedar, que son para eles.
Bruno, “Sarxento”, non podemos acender unha estrela para ti no ceo, pero hoxe, na tua honra, no noso logo do Clube Vega esa nova estrela é túa. Ata sempre compañeiro.
-
TEMPO DE QUEDAR NA CASA
Debido ao estado de alarma relacionado ca crise sanitaria debida á COVID19 o noso Clube NON organizará ningunha actividade presencial mentras dura o devandito estado de alarma. Nin reunións presenciais, nin exposicións, nin observacións.
Toda a nosa actividade desenvolverase a través de videoreunións na nosa sala en “jitsi meet” ou nas redes sociais.
Para calquera contacto, a través de esta web ou do noso facebook
-
“VEGANOS” PREMIADOS
Fai un par de semanas celebróuse en Castrelo de Miño a entrega de premios do concurso de fotografía de CEOS GALEGOS.
Non é ningunha novidade que en Clube Vega temos fantásticos astrofotógrafos e, como non podía ser doutro xeito, varios deles resultaron premiados, algún incluso por triplicado!
Deixamos aqui a relación dos premios otorgados aos nosos socios e, por n-ésima vez, NORABOA AOS PREMIADOS!, tamén aos non “veganos”.
- Miguel: 3º premio na categoría Sistema Solar con “Lúa en Detalle”
- Kike: 3º premio do xurado con “Solitario”
- Alex:
- 1º premio do xurado na categoría Paisaxes celestes con “Lagoa de Louro”
- 3º premio do xurado na categoría Xente e ceo con “O faro das estrelas”
- Mellor imaxe didáctica do eclipse lunar
Tamén había outras fotos marabillosas destes e outros compañeiros de Vega que este ano non tiveron sorte, Esperemos que este 2020 nos regale ceos limpos e escuros para seguir gozando da nosa afección.
-
ÉXITO DO VII CMON
Xa relaxados logo dun fin de semana movidiño.
Rematou o CMON deste ano e hai que dicir que foi un exitazo. Charlas pola mañá, descansos para socializar e tomar un cafeciño, comida nun excelente ambiente, exposicións de astrofotografía, charlas pola tarde e para rematar coloquio sobre contaminación lumínica, tema que da para falar moito.
Gran asistencia de público, sobre todo pola mañá, e moitas caras coñecidas pero tamén moitas que se achegaban por primeira vez a un evento deste tipo. Para nós foi un pracer saludar aos primeiros, coñecer aos segundos e compartir con todos a nosa paixón pola astronomía.
Desde aqui queremos agradecer a todos os que colaboraron coas súas ponencias ou participación de outro tipo e, por suposto, moitas, moitas grazas a todos os asistentes que vos achegástedes ata Santiago e/ou ata o Monte da Condesa desafiando á chuvia e o vento.
Deixamos unhas fotos do evento e esperamos repetir éxito na próxima edición do Workshop CMON
-
vii cmon