-
Observación da Lúa en Vista Alegre
O pasado día 14 tivemos ocasión de desfrutar da Noite internacional da Observación da Lúa xunto con todo o público que se achegou ata o parque de Vista Alegre.
A actividade tivo moita aceptación e pasámolo moi ben.
Desde esta páxina queremos agradecer a colaboración dos Amigos do Museo de Historia Natural e tamén a súa asistencia a toda a xente que veu a compartir esas horiñas con nos.
Este é un evento que se celebra todos os anos asi que…ata a próxima!!
-
Éxito do “astronomía nova”
“
O pasado día 20 de abril tivemos o gusto de compartir con vos o 1º encontro Astronomía Nova.
A xornada tivo gran aceptación e poidemos desfrutar dunha chea de charlas, cafés, comida e moi bo ambiente.
Desde o clube Vega queremos agradecer a todos a vosa participación e que saibades que rematamos moi inspirados e moi resoltos a que este encontro teña continuidade, asi que agardamo veros outra vez no EGAN 2025!!
-
Encontro ASTRONOMIA NOVA
Moitos de vos lembraredes o noso congreso CMON, que durante varios anos conseguiu xuntar a un bo número de astrónomos e astrónomas afeccionados compartindo coñecemento, experiencias e bo ambiente.
A derradeira edición do CMON foi en 2019, chegou despois a pandemia do Covid-19, que, coma un cometa que se achegara demasiado a Terra, barreu tantas cousas e trouxo unha cola moi longa. Pero por fin se perdeu de vista e neste 2024 surxe o sucesor do CMON, o ENCONTRO GALEGO ASTRONOMÍA NOVA (EGAN) .
Con esta novo encontro, o Clube VEGA quere dar continuación ao vello CMON e reunir, como di o noso lema, a profesionais e afeccionados divulgando astronomía: charlas, exposicións, opinións, experiencias, e por suposto bo rollo, moi bo.
Para presentar o noso primeiro encontro ASTRONOMÏA NOVA, eleximos un lugar moi próximo a Santiago, ben comunicado e tranquilo. O Pazo da Peregrina en Bertamiráns.
Apúntate antes do 8 de abril.
TODA A INFORMACIÓN na web específica do EGAN.
¡¡AGARDÁMOSVOS O 20 DE ABRIL en Bertamiráns!!
-
Un fermoso espectáculo para rematar un annus horribilis
As estrelas que vemos no ceo permanecen inmóbiles entre si. Por suposto que todas parecen moverse ó xirar a Terra, pero as súas posición relativas permanecen fixas, polo que forman patróns que podemos recoñecer e que chamamos constelacións. Sen embargo, xa os gregos viron que algunhas poucas “estrelas” movíanse “errantes” sobre o fondo de estrelas fixas. A estes corpos os gregos os chamaron “planetas” que significan precisamente “errantes”.
Hoxe en día sabemos que estes planetas son corpos que xiran ó redor do Sol e que, aínda que non emiten luz propia como as estrelas, son suficientemente grandes como para poder percibir dende a Terra a luz que reflicten do Sol (Tamén hai obxectos máis pequenos que non se ven a simple vista como os asteroides ou os planetas ananos).
Unha característica do movemento dos planetas é que se moven aproximadamente nun mesmo plano, chamado plano da eclíptica, polo que visto dende a Terra estarán colocados sempre cerca da lina imaxinaria na que este plano corta a bóveda celeste. É doado, por tanto, que dous planetas se acheguen e se poidan ver moi xuntiños no ceo producíndose o que os astrónomos chamamos unha conxunción,
O vindeiro día 21 de decembro producirase unha conxunción importante entre Xúpiter e Saturno. O que a fai especial é que os dous son planetas moi brillantes e que a distancia aparente estre eles chegará a ser especialmente pequena. Non ocurría unha conxunción con estas características desde o século XVII, en tempos de Galileo.
Ainda que o máximo achegamento será o 21, o espectáculo tamén está servido para os días anteriores.
A dificultade para observar esta conxunción é que só será visible ó solpor moi preto do horizonte, o que fai perder brillo os obxectos implicados, tanto pola maior cantidade de aire que a súa luz ten que atravesar como polo feito de que aínda non será noite pechada. Isto reduce a xanela de observación a, aproximadamente, entre as 18:30 e as 20:00 (hora oficial da península); Aínda menos se no horizonte hai obstáculos.
Despóis do máximo acercamento do día 21, Xúpiter e Saturno comenzarán a separarse de novo, pero nos días seguintes estarán tan preto do Sol (dende a perspectiva da Terra) que xa será moi difícil observalos. Para cando pasen “ó outro lado” do Sol e sexan visible ó amencer, xa estarán moito mais separados.
Se queredes observar o fenómeno, mirade cara o suroeste xusto despois da posta do Sol. Veredes entón dous estrelas moi brillantes que son Xúpiter e Saturno (o mais brillante será Xúpiter). Non fai falta telescopio nin intrumento ningún pero, si tedes uns simples prismáticos, fica os codos nalgún punto de apoio e apunta cara os planetas, pagará a pena, e incluso poderíades ver uns puntiños pequeniños preto de Xúpiter que son os seus satélites principais, chamados “galileanos” precisamente por Galileo Galilei que os descubriu cun rudimentario telescopio.
Como suxestión ós que vivades en Compostela, e se non coñecedes un sitio mellor, podédevos colocar ao solpor na parte superior das escaleiras da alameda que dan ao Campus Sur. Pouco despóis da posta do Sol, mirade un pouco arriba e a esquerda do lugar por onde aínda se aprecie o fulxir do Sol recén posto. Non vos custará localizar, se as nubes volo permiten, dúas estrelas brillantes moi xuntas: eses son Xúpiter (o mais brillante) é Saturno. ¡Non ten perda!, ainda que a sobreiluminación causada por algúns focos que hai nese lugar diminúe a espectacularidade do fenómeno, polo que o ideal, se podedes, é miralo dende fora da cidade, nalgún monte con vistas cara ó suroeste.
Crucémolos dedos para que as nubes den unha tregua e poidamos disfrutar deste fenómeno astronómico pois non se repetirá, en tan boas condicións, ata o ano 2080!!
Referencias:
(Imaxe 1) Federación de Asociaciones Astronómicas de España (FAAE): https://federacionastronomica.es/index.php/actividades-y-eventos/conjuncion-jupiter-saturno
(Imaxe 2) Astronomy Picture of the Day (15/12/2020): https://apod.nasa.gov/apod/ap201215.html
Escrito por: Rubén Díez e Carmen Castro.
-
Unha nebulosa para o noso amigo
Unha anana branca é unha estrela que xa non produce enerxía, que xa pasou por todas as fases da súa vida, que deu luz e calor durante millóns de anos pero que pouco a pouco vai perdendo a enerxía que lle queda para finalmente apagarse por completo.
Así é como hoxe nos deixou o noso compañeiro Jesús, como unha anana branca consciente do seu destino. Pero Jesús era unha persoa sinxela e discreta e quería que a tristura se transformara en celebración por telo coñecido. Moitas ananas brancas expulsan parte da súa envoltura gaseosa e deixan atrás fermosas nebulosas, con formas e cores que nos indican como, ainda que todo chega ao seu final, sempre perdura o recordo e a beleza do que foi.
Jesús deixa entre nos a súa nebulosa, sutil, discreta, pero chea de cor. Nas nosas reunións lembraremos non só o que se foi, senon, e sobre todo, o que nos deixou, as súas preguntas, a súas propostas, a súa risa…en agradecemento a todo elo, hoxe poñemos aqui para ti, Jesús, o noso logo iluminado cas fermosas cores da nebulosa anular da Lira. ¡Que teñas boa viaxe, amigo!
-
Ocultación de Venus pola Lúa
Durante a mañán do venres 19 de xuño produciráse unha ocultación do planeta Venus pola Lúa. Esta ocultación será visible dende o N de Canadá, Groenlandia, NW de Europa, e N de Rusia. Tamén será visible dende toda a península ibérica e Canarias, aínda que xa preto do límite S.
Dende Galicia, a inmersión do planeta produciráse ás 07:20 TU (09:20 hora local española). Esta inmersión será polo lado iluminado da Lúa e o planeta Venus estará nese momento a unha altura de 38º sobre o horizonte SE. A reaparición do planeta produciráse ás 08:14 TU (10:14 hora local) polo lado non iluminado da lúa cando xa esté a unha altura de 47º sobre o horizonte. Dado que no momento da ocultación Venus ten un tamaño angular de 51″4, a desaparación e a reaparición non son instantáneas, durando uns 2,5 minutos cada unha.
No momento da ocultación a Lúa estará iluminada un 4% en minguante, mentres que Venus terá unha magnitude de -4.18.
Todas as fases da ocultación produciránse a pleno día. No instante de inmersión o Sol estará a unha altura duns 23º, con Venus e a Lúa a unha distancia de 22,5º. Esto implica que se deben adoptar todas as medidas de seguridade para evitar apuntar calquera obxetivo ou telescopio ó Sol accidentalmente. Por seguridade recomendamos instalar algún panel ou obstáculo opaco entre o instrumento e o Sol, facendo sombra, e protexendo ó instrumento en caso de apuntado accidental.
Para observar esta ocultación hai que usar medios para mitigar o intenso fondo luminoso e aumentar o contraste entre o sistema Venus-Lúa e o fondo de ceo. Son preferibles telescopios de pouco diámetro pero de relación focal o máis longa posible, incluso utilizando lentes de Barlow. Se se utiliza un telescopio de gran diámetro quizáis conveña usar un diafragma para reducir a apertura.
Pódense usar filtros para axudar a mitigar o exceso de luz incidente, ainda que esto deberá valorarse previamente se se quere obter imaxes ou videos en cor. As cámaras dixitáis son axeitadas para obter tomas independentes ou gravar pequenos videos dos instantes da inmersión ou emersión.
Tamén se poden usar webcams adaptadas á observación astronómica do estilo da Phillips ToUCam ou SPC9000, acopladas no foco do telescopio. O que usualmente é unha desventaxa nestas webcams, a súa baixa sensibilidade, neste caso convírtese nunha ventaxa para observar con fondo moi brillante. Ademáis, o tempo de exposición pódese controlar dende o programa de control.Máis información:
http://www.lunar-occultations.com/iota/planets/0619venus.htm
https://eco.mtk.nao.ac.jp/cgi-bin/koyomi/occulx_p_en.cgi -
UNHA ESTRELA MÁIS NO NOSO LOGO
Bruno chegou a nós no último congreso CMON, ahí estaba entre o público, coa mente chea de preguntas que buscaban resposta. Enseguida se integrou no clube e foi un de nós porque, desde o primeiro momento que falou, o sentimos como si estivera ahi desde sempre, participando nos nosos debates a través das redes, poñendo un pouco de sentido común nas discusións, moitas veces absurdas, e aportando bo humor coa súa chispa nestes tempos sombríos de cuarentena.
Mais Bruno foi unha estrela fugaz: chegou, brillou con forza e, esta mañá, deixounos para non voltar. Non o levou un meteorito, deses NEO que pasan preto, cos que lle gustaba bromear, senon un infarto. Bruno deixa nos nosos corazóns un oco enorme que hoxe non é oco, senón un burato negro.
Desde estas liñas queremos mandar unha aperta moi forte a súa familia, o noso infinitamente sentido pésame e os poucos ánimos que nos poden quedar, que son para eles.
Bruno, “Sarxento”, non podemos acender unha estrela para ti no ceo, pero hoxe, na tua honra, no noso logo do Clube Vega esa nova estrela é túa. Ata sempre compañeiro.
-
“VEGANOS” PREMIADOS
Fai un par de semanas celebróuse en Castrelo de Miño a entrega de premios do concurso de fotografía de CEOS GALEGOS.
Non é ningunha novidade que en Clube Vega temos fantásticos astrofotógrafos e, como non podía ser doutro xeito, varios deles resultaron premiados, algún incluso por triplicado!
Deixamos aqui a relación dos premios otorgados aos nosos socios e, por n-ésima vez, NORABOA AOS PREMIADOS!, tamén aos non “veganos”.
- Miguel: 3º premio na categoría Sistema Solar con “Lúa en Detalle”
- Kike: 3º premio do xurado con “Solitario”
- Alex:
- 1º premio do xurado na categoría Paisaxes celestes con “Lagoa de Louro”
- 3º premio do xurado na categoría Xente e ceo con “O faro das estrelas”
- Mellor imaxe didáctica do eclipse lunar
Tamén había outras fotos marabillosas destes e outros compañeiros de Vega que este ano non tiveron sorte, Esperemos que este 2020 nos regale ceos limpos e escuros para seguir gozando da nosa afección.
-
ÉXITO DO VII CMON
Xa relaxados logo dun fin de semana movidiño.
Rematou o CMON deste ano e hai que dicir que foi un exitazo. Charlas pola mañá, descansos para socializar e tomar un cafeciño, comida nun excelente ambiente, exposicións de astrofotografía, charlas pola tarde e para rematar coloquio sobre contaminación lumínica, tema que da para falar moito.
Gran asistencia de público, sobre todo pola mañá, e moitas caras coñecidas pero tamén moitas que se achegaban por primeira vez a un evento deste tipo. Para nós foi un pracer saludar aos primeiros, coñecer aos segundos e compartir con todos a nosa paixón pola astronomía.
Desde aqui queremos agradecer a todos os que colaboraron coas súas ponencias ou participación de outro tipo e, por suposto, moitas, moitas grazas a todos os asistentes que vos achegástedes ata Santiago e/ou ata o Monte da Condesa desafiando á chuvia e o vento.
Deixamos unhas fotos do evento e esperamos repetir éxito na próxima edición do Workshop CMON
-
50 ANOS NA LÚA
O 21 de xullo de 1969, os Astronautas da Apolo XI convertíronse nos primeiros seres humanos en pisar outro astro que non fora a Terra. Aínda que hai quen trata de xustificar ou condenar este feito desde o punto de vista político e/ou económico, o que é innegable e que foi a culminación dun enorme esforzo científico e tecnolóxico no que colaboraron centos de homes e mulleres, moitas veces non suficientemente recoñecidos, que deron sentido a famosa frase de Neil Armstrong “un pequeno paso para un home, un grande salto para a humanidade”
Este mes celébrase en todo o mundo o 50 aniversario da chegada do home á Lúa, cada quen pode ter un motivo. Desde o Clube Vega apuntámonos á festa cun acto conmemorativo. O día elexido: o 12 de Xullo, o lugar: a Nave de Vidán, que unha vez máis nos ofrece a súa colaboración.
Teremos unha pequena charla divulgativa, a cargo do noso amigo Dosi Veiga, despois presentaremos o traballo dos astrofotógrafos do Clube Vega nunha pequena (pero intensa) exposición de fotografías da Lúa, que quedará na Nave ata setembro, e, finalmente, se a meteoroloxía o permite, plantaremos uns cantos telescopios para observar e ensinarvos á protagonista da noite: a Lúa.
¡¡Vémonos alí!!